Escoitar
mércores, 7 Decembro, 2022

O afectado dixo aos xestores do 112 Galicia que se soltaba o freo caían polo desnivel.

Ocorreu esta mañá, ás 8:30 horas, cando o vehículo no que viaxaba o implicado, xunto con dúas persoas máis, saíuse da vía e caeu por un barranco en Sadurnín, Cenlle.

O perigo de caer definitivamente obrigou aos ocupantes a manter as súas posicións, incluso o condutor, quen debía manter suxeito o freo para evitar un desenlace peor.

Así, con esta información, os xestores do 112 Galicia activaron os protocolos de actuación correspondentes para organizar un operativo no que participaron os Bombeiros do Carballiño e os membros do GES de Ribadavia. Co material destes últimos foi posible asegurar o vehículo de maneira que os ocupantes puideron saír sen dificultades e recibir a asistencia médica do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, mobilizado para esta intervención.

De feito, os tres pasaxeiros foron evacuados ao centro de saúde da localidade, aínda que con lesións de carácter leve.

Pola súa parte, os axentes da Garda Civil de Tráfico acudiron para colaborar co dispositivo e coñecer todos os detalles sobre este accidente.