Escoitar
Infografía de presentación sobre o apartado de preguntas frecuentes acerca do número 112

Neste apartado queremos responder a todas aquelas dúbidas que o usuario do número único de emerxencias europeo 112 pode ter.

Para iso, expoñemos os principais interrogantes que poden xurdir e as súas aclaracións correspondentes, que deben terse en conta para facer un bo uso do servizo de emerxencias.

 

Cando debes chamar ao 112?

Cando sufras ou sexas testemuña dunha situación de emerxencia que requira a asistencia inmediata das Forzas de Seguridade, de Urxencias Sanitarias, de Bombeiros, da Protección Civil ou daqueles outros organismos competentes para dar a resposta axeitada á situación de emerxencia.

Deste xeito, falamos de emerxencia cando nos atopamos nunha situación obxectiva de perigo que requira dunha actuación inmediata.

 

Cando non tes que chamar ao 112?

O número 112 non é un xogo, é un teléfono de e para emerxencias. Non o tes que empregar nunca para pedir información xeral, nin para facer bromas ou falsos avisos xa que, cando se dan estes casos, poden mobilizarse recursos que poderían ser críticos nunha situación verdadeira. Ademais, pode ter graves consecuencias e sancionarse con cuantiosas multas cando a información comunicada é falsa de xeito intencionado.

Lembra que, para pedir información xeral relativa ao estado das estradas, permisos para realizar actividades deportivas, previsión meteorolóxica ou estado do tempo, ou contactar para xestións administrativas de organismos, etc, debes consultar nas páxinas webs e teléfonos de contacto concretos para estes fins.

 

Que datos poden pedirte?

Cando chames ao 112, os xestores preguntarán onde ten lugar a emerxencia: rúa, praza, poboación ..., que ocorre e o teu teléfono de contacto ou teléfono alternativo por se hai que volver a contactar contigo.

Estas preguntas son necesarias e tes que intentar colaborar o máis posible seguindo as instrucións do operador e sen colgar ata que o indiquen. Ademais, procura manter o contacto/teléfono libre para facilitar novas conexións do 112 e/ou demais organismos competentes que o precisen. 

Este servizo presta especial coidado a estes datos axustándose á normativa vixente europea e nacional de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

 

Que debes facer se cando chamas ao 112 non te contestan inmediatamente?

Mantente en liña ou insiste pasados uns segundos. Pensa que, en ocasións, moitas persoas poden chamar por unha mesma emerxencia ou pode que haxa moitas persoas precisando da axuda que aporta o Servizo.

Por iso, asegúrate de se alguén xa chamou ao servizo de emerxencias e mantén sempre a calma e a paciencia. Atenderemos a túa chamada canto antes.

 

O 112 é un número gratuíto?

Si. Ademais, desde teléfonos públicos non é necesario introducir moedas para acceder ao servizo.

 

Debes ter cobertura no móbil para chamar ao 112?

Podes chamar ao 112 desde o móbil mesmo sen o número PIN e sen cobertura da túa operadora. Aínda así, debe haber sinal dalgunha outra compañía.

Se estás nunha zona illada ou de difícil acceso, como poden ser as contornas de montañas, sendeiros ou lugares onde non hai cobertura, debes saber que o 112 Galicia conta cun servizo que envía ao teu teléfono móbil un SMS para localizarte, a través das coordenadas que mostran a túa posición. Unha vez recibida a túa localización, o 112 Galicia transmite estes datos aos servizos de emerxencia, que se desprazarán ata o lugar onde te atopas.

 

En que lingua poden atenderte?

O teléfono de Emerxencias 112 de Galicia atende de xeito xeral en galego e castelán como idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e ademais pode dar a atención de emerxencias noutros 80 idiomas. 

 

En que países funciona o 112?

Podes pedir axuda urxente chamando ao 112 nos 27 estados membros da Unión Europea: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta,  Polonia, Portugal, Romanía, República Checa, Suecia e Chipre.

E ademais noutros países veciños da Comunidade Europea: Bosnia Herzegovina, Georgia, Illa de Man, Illas Feroe, Islandia, Liechtenstein, Kosovo, Mónaco, Moldavia, Montenegro, Noruega, Países Baixos, República de Macedonia, nalgunhas rexións de Rusia,  Reino Unido, Serbia, Suiza e Vaticano. 

O 112 tamén está activo en Turquía, Kuwait, Nigeria, Australia ou Nueva Zelanda.

 

Por que a Unión Europea introduciu o número de emerxencia 112?

O Consello da Unión Europea decidiu introducir o número de emerxencias 112 para que a todas as persoas que se despracen por Europa lles resulte sinxelo usar e recordar un só número de teléfono para as emerxencias que poidan suceder, independentemente de onde se despracen.

 

Substitúe o 112 aos números específicos de emerxencias?

NonO número europeo 112 pode empregarse, a través dunha chamada gratuíta,  para calquera tipo de emerxencias. Sen embargo, existen outros números propios de organismos que se encargan de emerxencias específicas e que conviven xunto co 112.

A  Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a prestación deste servizo en outubro de 1997 por Acordo do Consello da Xunta. En España o número 112 ten xestión nas 17 Comunidades Autónomas e 2 cidades insulares.

 

Como podes solicitar emprego no 112 Galicia?

A prestación do Servizo de Atención ás Emerxencias a través do 112 está externalizado en empresa contratista. Por elo, se expresas a túa intención de querer traballar no 112 Galicia a través do correo electrónico webmaster112@xunta.es, o Departamento de Formación poñerase en contacto contigo na maior brevidade posible para resolver as túas dúbidas.

 

Como podes seguir a actualidade do 112 Galicia?

O 112 Galicia dispón de perfís en Redes Sociais, tanto en Twitter (twitter.com/112Galicia), como en Facebook (facebook.com/112Galicia), onde podes informarte das incidencias máis relevantes xestionadas no 112 Galicia, así como dos consellos de auto protección e medidas de prevención ante as posibles emerxencias que poden producirse. Ademais, na páxina web da Axega publícanse diariamente ás 9, 13 e 19 horas Boletíns Informativos. Neses espazos poderaste informar dun xeito actualizado das incidencias máis destacadas atendidas dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia.

 

Debes utilizar as redes sociais do 112 Galicia para alertar dunha emerxencia?

Para dar conta de calquera situación de urxencia debes marcar o número único 1-1-2, xa que este servizo dispón das ferramentas axeitadas para a xestión, coordinación e mobilización dos recursos necesarios para a atención das emerxencias.

Os perfís de Redes Sociais do 112 Galicia son unicamente canles de información.

facebook twitter