Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 8 Abril, 2021

Pouco despois das oito da tarde de onte, o 112 Galicia tivo constancia da consecución do rescate do operario caído polo desnivel dunha canteira, no concello lucense de Quiroga.

O operativo posto en marcha contou coa mobilización de diversos equipos de emerxencia, terrestres e aéreos, que actuaron ao longo da tarde ata conseguir acceder ao traballador.

Foi arredor das 16:30 horas, da pasada xornada, cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia recibiu a alerta do accidente laboral producido no lugar de Vilarbacú. Nese intre, dende o 112 solicitouse a intervención dos Bombeiros de Monforte, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, do Ges de Quiroga e dos membros de Protección Civil do municipio.

Xunto a estes medios, tamén se alertou ao Servizo de Gardacostas de Galicia e a Urxencias Sanitarias de Galicia, que desprazaron senllos helicópteros, o Pesca-II e a aeronave medicalizada con base en Ourense, respectivamente.

Finalmente, foi o Pesca-II o que conseguiu chegar ata a zona de difícil acceso na que se atopaba o home, no desnivel dunha canteira de, aproximadamente, trinta metros de pendente. A partir de aí, xa a aeronave medicalizada do 061 puido recoller ao home e evacualo ata o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

facebook twitter instagram