Imaxe escoitar Escoitar
venres, 23 Agosto, 2019

Os servizos de emerxencia rescataron esta tarde a dous turistas alemáns que chegaron a unha estrada sen saída empregando o GPS en Negueira de Muñíz . Segundo puido saber o 112 Galicia, as dúas persoas circulaban  no seu coche por un camiño da parroquia de Ernes cando remataron sen posibilidades de continuar a marcha.

Foron os propios implicados os que contactaron co 112 Galicia para dar conta da súa situación ao fío das 16:45 horas. Así, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron o envío da súa posición a través da aplicación WhatsApp.

Unha vez recibidas as coordenadas e para localizalos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia requiriu a intervención da Garda Civil e dos voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Negueira de Muñíz. Ademais, desde o 112 Galicia informouse dos feitos aos Bombeiros de Barreiros.

Unha vez na súa procura, os membros de Protección Civil atoparon ás persoas, que foron recollidas e levadas a Ernes en perfecto estado de saúde. Por outra banda, segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o coche vai ser recollido por un guindastre ou un tractor.

facebook twitter instagram