Escuchar
sábado, 23 Maio, 2020

Un operativo de rescate posto en marcha polo 112 Galicia e coordinado, en todo momento, por Salvamento Marítimo serviu para auxiliar a un kitesurfista que se atopaba en apuros moi preto da Praia de Sabón, no Concello coruñés de Arteixo.

Todo comezou sobre as 15:15 horas, cando un particular alertaba do suceso. Indicaba que un surfista, preto do dique, era arrastrado pola corrente e pedía axuda.

A partir de aí, foi cando  os xestores do 112 puxeron en alerta ao persoal de Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Helimer e a embarcación Salvamar Betelgeuse. Do mesmo xeito, informaron dos feitos ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos servidos sanitarios  e aos axentes da Garda Civil, por se fose necesaria a súa intervención. Por terra, formaron parte do dispositivo a Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o kitesurfista foi rescatado ileso polo helicóptero Helimer e evacuado ata o Aeroporto de Alvedro, na Coruña.