O traballador esperou aos servizos de emerxencias sobre a cabina do vehículo, envorcado lateralmente nunha zona de difícil acceso. Tralo rescate, foi evacuado polos servizos sanitarios.
Preto das 10:15 horas, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou ao 112 Galicia deste accidente, que ocorreu na canteira da mina de Touro. O ferido permaneceu consciente en todo momento.
Decontado, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención, ademais dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Arzúa, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Touro.
Os Bombeiros traballaron para baixar ao home, que foran quen de saír ao exterior pero non de baixar de enriba do camión. A continuación, foi trasladado polos servizos sanitarios.
Envorco dun camión de recollida de lixo en Arteixo
Esta mañá, poucos minutos antes das 11 horas, un camión de recollida de lixo envorcou no quilómetro 7 da DP-0513, en Monteagudo. Os seus dous ocupantes conseguiron saír ao exterior, pero non baixar de enriba do camión pola importante altura ata o chan. A circulación quedou interrompida no punto.
Tanto un traballador non implicado coma os propios accidentados entraron en contacto co 112 Galicia para informar sobre o acontecido. De feito, pouco despois da primeira comunicación explicaban que os axudaran a baixar, aínda que precisaban asistencia sanitaria.
O camión obstaculizaba completamente a circulación no punto, polo que os servizos de emerxencia procederon a cortar o tráfico ata o restablecemento das condicións da vía.
Neste operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Arteixo e da Laracha. Informouse, á súa vez, aos Bombeiros de Arteixo e aos servizos de mantemento da estrada.