Escoitar
mércores, 31 Outubro, 2018

O CIAE rexistrou no espazo dunha hora ata un total de seis incendios urbanos en distintas localidades sen causar, en ningún deles, danos persoais. 

Ao fío das 11:00 horas, axentes da Garda Civil comunicaban ao 112 Galicia a súa saída cara o lugar de Sambade, en Tui. Indicaban que foran alertados dunha cociña ardendo nunha vivenda. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Porriño que, tras extinguir o lume, confirmaron que se tratou dun pendello con tres cuartos nos que se gardaban distintos materiais como maquinaria, roupa e unha cheminea. Todo parece indicar, segundo indicou a Policía Local  que a colada  nun tendal, preto da cheminea, provocou o incendio.  

Na Cañiza (Pontevedra), un incendio nun cadro eléctrico situado na fachada dun colexio da Rúa Carballo do Marco, obrigou a evacuar –por precaución- o centro. Pese ao fume nas instalacións, afortunadamente, ningún dos 300 alumnos que aproximadamente estudan no centro, se viu afectado. 

Foi o mesmo persoal do centro quen, sobre as 11:30 horas, alertou ao 112 Galicia. Indicaban que se escoitaban estoupidos e saía moito fume dun cadro eléctrico. Neses intres, procedían a evacuar aos alumnos ao patio, onde permaneceron confinados xunto cos mestres ata que o lume foi apagado. Aínda que os Bombeiros de Ponteareas se desprazaron ata o lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia, foron os axentes da Policía Local os que confirmaron que o lume xa fora extinguido coa axuda dun extintor. Dende o 112 requiriuse, ademais, a intervención do persoal da empresa subministradora de electricidade. 

Case á mesma hora, unha cheminea provocaba un incendio nunha vivenda de San Román, no termo municipal de Cervantes. Foron alertados os Bombeiros de Sarria, Garda Civil, GES de Becerreá e Protección Civil. Unha vez no lugar, os membros do GES indicaron que unicamente ardeu o ferruxe da cheminea. Tamén en Ferrol, un curtocircuíto foi a causa que provocou un lume nunha vivenda, situada na Avenida de Breogán, segundo indicaron os Bombeiros, ardeu un armario e o resto da casa viuse afectada polo fume. 

En Foz, pasados uns minutos das 11:30 horas, un particular alertaba ao 112 Galicia dunha casa ardendo, no lugar de Mourente. Pese a que, se pasou aviso de inmediato aos servizos de emerxencia, unha vez no punto, os efectivos de Protección Civil confirmaron que unicamente ardeu maquinaria no interior dun galpón anexo á vivenda. Os mesmos particulares apagaron o lume coa axuda dun extintor. 

E por último, sobre as 12:00 horas, efectivos de Protección Civil de Catoira informaban ao 112 Galicia dun incendio no antigo edificio do concello. Finalmente, non foi precisa a intervención dos medios de extinción, tratouse dun curtocircuíto nun calefactor  que provocou moito fume no inmoble. Aínda así, o 112 Galicia, nada mais recibir a chamada de alerta informou da situación aos Bombeiros do Salnés, Garda Civil e aos membros do GES de Valga.