Imaxe escoitar Escoitar
martes, 30 Xuño, 2020

Un menor ao que levaba a corrente causa a alarma entre os bañistas da Praia de Caión, na Laracha.

O 112 Galicia recibiu ás 17 horas de hoxe a chamada de alerta dunha persoa que viu como o rapaz tiña dificultades para volver á beira. Decontado, un home lanzouse á auga na súa procura e conseguiu rescatalo sen que sufrise danos.

Segundo explicaron os axentes da Policía Local a través do 112, tratouse dun membro da Garda Civil fóra de servizo quen se botou á auga para socorrer ao neno, que estaba no medio da auga e cuberto, ademais, pola néboa. 

Pola súa parte, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos equipos de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén foron informados os axentes da Policía Local, así como os voluntarios de Protección Civil da localidade.

Con todo, o rapaz saíu da auga coa axuda do seu rescatador e puido reunirse coa súa familia. Por fortuna, atópase en bo estado de saúde.

Súmanse máis medios á busca do pescador desaparecido en Valdoviño
Durante esta tarde, sumáronse á busca do pescador desaparecido esta mañá en Valdoviño máis voluntarios de Protección Civil da localidade. Tamén voltou á zona o Pesca II despois de que un equipo de Salvamento Marítimo rastreara a contorna da Praia de Baleo a bordo do Helimer, de momento, sen éxito.

Cómpre lembrar que o 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada de alerta dun compañeiro do pescador desaparecido, que viu por un intre flotar o corpo na auga. Uns minutos máis tarde perdérao de vista, polo que se activou un operativo que continúa coa busca preto de Punta Baleo.

facebook twitter instagram