Ademais da inquilina, que tivo que ser trasladada polos servizos sanitarios tras resultar afectada por inhalación de fume, na vivenda, atopábase un obreiro, que tamén resultou afectado, aínda que, segundo a información recibida no 112 Galicia, non precisou ser trasladado.
Ás 15:45 horas desta tarde, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para informar dun incendio nunha vivenda, na Avenida da Habana, na cidade de Ourense. Aseguraba que había unha muller no interior da vivenda e que, aínda que a porta estaba aberta, non eran capaces de entrar polo fume que había.
Decontado, desde o 112 Galicia, informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou unha ambulancia ao lugar. Do mesmo xeito, foron informados os Bombeiros da cidade, os axentes da Policía Nacional e Local e os efectivos de Protección Civil.
Tras rematar a súa intervención e confirmarse polos profesionais sanitarios o traslado da muller, os Bombeiros indicaron que ardera, case por completo, unha habitación da casa.