Escoitar
martes, 21 Maio, 2019

Un incendio provocado polo mal funcionamento dun calefactor obrigou a trasladar á única ocupante do inmoble, que resultou afectada por inhalación de fume.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir a chamada da persoa implicada ao fío das 2:30 horas da madrugada de hoxe. Segundo a información recibida polos xestores do CIAE, unha avaría nun calefactor podería ser a causa do intenso fume provocado, que afectou á vivenda situada no quinto piso da Rúa Orzan, á altura do número 105. A alertante tamén indicou que no momento da chamada encontrábase fora do inmoble á espera dos servizos de emerxencia.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, solicitouse a colaboración do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Coruña e da Policía Local. Tamén foron informados os membros de Protección Civil da localidade, por se fose necesaria a súa colaboración.

Unha vez rematada a intervención, os Bombeiros confirmaron que a persoa fora evacuada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Incendio nun garaxe
Tamén, na madrugada de hoxe, un incendio orixinado nun vehículo causou danos materiais nun garaxe no lugar da Pereira, en Cee.

A chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia puxo en alerta aos servizos de emerxencia ao redor das 3:30 horas. Decontado, avisouse aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil, á Policía Local e tamén aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Aínda que non houbo que lamentar danos persoais, os  Bombeiros indicaron que o coche ardera por completo véndose tamén afectados distintos materias almacenados no garaxe.

facebook twitter instagram