Escoitar
xoves, 6 Outubro, 2022

Os feridos, de diversa consideración, foron atendidos no Hospital Universitario da Coruña, e os Bombeiros municipais encargáronse da extinción das chamas, que queimaron unha habitación empregada como roupeiro. Ademais, unha gran parte do piso, situado na rúa Posse, quedou afectada polo fume.

O lume tivo a súa orixe na explosión dunha lámpada na habitación afectada, segundo comunicou un dos ocupantes do piso ao 112 Galicia ás 22:15 da noite. Tras dar indicacións aos Bombeiros da Coruña, o alertador explicou que tódalas persoas que se atopaban no seu interior ían abandonar o inmoble. Naquel momento non había ningún ferido.

Sen embargo, ao rematar a súa intervención, os servizos de emerxencias informaron de que tres persoas que estaban no domicilio no momento en que comezara o lume tiveron que ser trasladadas polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital da Coruña, feridas de diversa consideración. Unha delas, segundo indicaban os bombeiros, sufrira queimaduras ao tratar de apagar ela mesma uns rescaldos.

Tamén participaron no operativo os axentes da Policía Local e Protección Civil da cidade.

Industrial en Sarria
Os Bombeiros de Sarria confirmaron ao 112 a extinción dos últimos rescaldos pouco antes da 1:00 horas desta madrugada, pero apuntaban a que, debido á combustión latente, poderían reavivarse pequenos conatos ao longo do día de hoxe. Así as cousas, daban por finalizada a súa intervención nun incendio no que traballaran durante toda a tarde.

Neste, no que non houbo que lamentar danos persoais, ardeu ao final material que estaba almacenado, como sacos de palla, fertilizante ou silo. Ademais, viuse afectada a estrutura da nave, aínda que a rápida intervención dos servizos de extinción evitou a propagación do lume e o colapso da cuberta.

Por outra banda, os medios forestais seguiron traballando ata a noite para evitar a reactivación dos focos que se propagaran ao monte, que xa deran por extinguidos na tarde de onte.