Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 20 Xaneiro, 2019

Unha colisión entre dous turismos - cando circulaban pola A-6, sentido A Coruña, ao paso pola localidade de Aranga – saldouse con unha muller e unha menor feridas.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 Galicia poucos minutos antes das 19:00 horas da tarde de onte para informar da colisión entre dous coches á altura do punto quilométrico 547.

Segundo puido saber o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, a través da información comunicada nas diversas chamadas recibidas, as persoas implicadas no sinistro podían estar feridas e un dos vehículos quedara atravesado na vía tras o choque.

Decontado, desde o CIAE 112 Galicia informouse do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Betanzos, ao GES de Curtis, ademais do servizo de mantemento da vía.

Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron o traslado da muller e da cativa ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios. Tamén informaron que un dos carrís – sentido A Coruña - tivo que ser parcialmente cortado mentres se levaba a cabo a limpeza da estrada co fin de eliminar os restos do accidente e garantir a seguridade na vía.

Saída de vía en Carnota
Por outra banda, tres persoas foron trasladadas ao Hospital de Cee polos servizos sanitarios de emerxencia tras sufrir unha saída de vía co coche no que viaxaban. O vehículo circulaba pola AC-550 e o sinistro tivo lugar á altura do punto quilométrico 25.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao redor das 23:45 horas da noite de onte. Ademais dos servizos sanitarios, interviñeron tamén o GES de Muros, a Garda Civil de Tráfico, Policía Local e o servizo de mantemento da estrada.

facebook twitter instagram