Escuchar
sábado, 13 Xuño, 2020

Unha persoa resultou ferida con queimaduras e foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia a causa dun incendio rexistrado nunha vivenda en Vigo. Ademais, outras dúas persoas tamén necesitaron asistencia sanitaria, segundo se lle informou ao 112 Galicia.

O incendio rexistrouse na cociña dunha vivenda dun edificio de 10 andares situado, na Avenida Alcalde Portanet, en Castrelos, na cidade de Vigo.

Nada máis ter constancia do aviso, sobre as 18:00 horas desta tarde, o 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo, que xa tiñan coñecemento e aos axentes da Policía Local e membros de Protección Civil.

Unha vez no punto e apagado o lume, os Bombeiros de Balaídos indicaron que ardeu a campá extractora e os mobles superiores da estancia. Tamén resultaron danados os cristais da cociña e toda a vivenda se viu afectada polo fume.

Finalmente, os servizos sanitarios de urxencia confirmaron ao 112 Galicia o traslado de tres persoas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.