Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 16 Xuño, 2019

O tripulante dun veleiro que navegaba á altura das Illas Sisargas tivo que ser trasladado por intoxicación de fume ao incendiarse o seu veleiro.

Unha embarcación da Cruz Vermella encargouse de facer o rescate e de evacualo ata o Peirao de Malpica, onde o agardaba unha ambulancia do 061-Urxencias Médicas, que o trasladou ata o Hospital da Coruña.

Foron varios os particulares, que ao fío das 15:30 horas desta tarde, puxeron en alerta ao 112 Galicia. Indicaban que ardía unha embarcación á altura das Sisargas e que se apreciaba unha gran fumareda negra no mar visible dende varios lugares. A partir dese momento, os xestores de emerxencia pasaron aviso a Salvamento Marítimo e á Sala de GardaCostas de Galicia, que xa tiñan constancia de que a bordo ía unha persoa que pedira axuda.

No dispositivo, coordinado por Salvamento Marítimo participaron ademais dos servizos sanitarios de urxencia, unha embarcación de Salvamento e outra da Cruz Vemella, o helicóptero Helimer 401, varias embarcacións da zona e a patrulleira da Garda Civil que  tamén foi alertada. A Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade tamén formaron  parte do operativo.

Persoal de Salvamento confirmou ao 112 Galicia que a embarcación ardeu na súa totalidade e afundiu. Descartan, ademais, contaminación algunha, ao arder tamén o combustible da mesma. 

Embarcación á deriva
Por outra banda, dez minutos despois, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para informar da rotura da correa de distribución da embarcación. Indicaba que se trataba dunha embarcación de recreo á deriva  con sete tripulantes a bordo e que todos estaban ben, no lugar de Toralla, na Ría de Vigo, á altura da entrada do porto de Canido.

Así, despois de pasar aviso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de GardaCostas de Galicia, unha embarcación a “Salvamar Mirach” se dirixía ao lugar. Tamén, os xestores do 112 informaron á Policía Nacional e a Protección Civil e puxeron en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias por se fose precisa a súa intervención.  

A embarcación e os sete tripulante foron remolcados pola Salvamar Mirach ata o Peirao de Baiona, onde quedou amarrada.

 

facebook twitter instagram