O afectado foi trasladado en ambulancia polos servizos sanitarios, mentres que o domicilio, de reducidas dimensións, ardeu por completo.
O 112 Galicia tivo constancia deste suceso ás 2 horas da madrugada, cando un particular indicou que ardía unha pequena vivenda situada na canella do Inferniño, en Marín. Desde o 112 deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Morrazo e á Policía Local de Marín. Á súa vez, quedaron informados os Bombeiros de Pontevedra e os membros de Protección Civil do municipio.
Cando remataron a súa intervención, os Bombeiros do Morrazo fixeron balance dos danos materiais, e confirmaron que ardeu a totalidade da vivenda afectada.
Pola súa banda, os servizos sanitarios trasladaron en ambulancia á única persoa afectada, con queimaduras.
Lume nun pendello en Pol
Contra as 7:40 horas, os efectivos dos Bombeiros de Vilalba indicaban ao 112 que tiñan o lume controlado, que se orixinou nun alpendre en cuxo interior se almacenaba herba seca. Afortunadamente, ningunha persoa resultou afectada.
O aviso chegou ao 112 ás 3:40 horas. Axentes da Garda Civil que se atopaban no lugar do Albar, en Valonga (Pol), solicitaban a colaboración dos Bombeiros por un lume que se estaba a iniciar nun pendello. Mediante dúas escavadoras, os servizos de emerxencias están a retirar os rolos de palla do interior, para a continuación apagalos fóra.
No operativo colaboran, ademais, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pol.