Escoitar
xoves, 27 Decembro, 2018

Un home e unha muller resultaron feridos con queimaduras no seus corpos tras producirse un incendio na súa vivenda.  

Os dous feridos, de avanzada idade e a muller en cadeira de rodas, atopábanse sos na vivenda no momento de producirse o lume. Segundo relatou un particular unicamente ardeu roupa e leña que os octoxenarios tiñan na cociña.

Pese a que o lume foi extinguido polos mesmos veciños, os Bombeiros de Baixo Miño tamén se desprazaron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia.

Pasaban dez minutos das 11:30 horas desta mañá, cando o 112 Galicia era informado dun incendio nunha casa con dúas persoas feridas,  situada no Coto da Gándara, en Tameiga, no termo municipal pontevedrés de Mos. Decontado, ademais de alertar aos servizos de extinción, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Os dous feridos foron evacuados nas ambulancias que o 061-Urxencias Sanitarias desprazou ata a vivenda.