O lume iniciouse nunha vivenda dun edificio situado na Rúa dos Tulipanes, en Elviña.
Tras atallar o lume con rapidez e ventilar a zona das escaleiras, os Bombeiros da Coruña indicaron ao 112 Galicia que non foi preciso desaloxar. Iso si, a vivenda incendiada ardeu por completo e o morador resultou ferido tras sufrir queimaduras nas mans.
Pasaban dez minutos das sete desta mañá cando varios veciños contactaban co 112 Galicia para informar de que notaban calor e vían fume nas escaleiras do edificio, pero non sabían de onde procedía.
Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros da Coruña e do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foron informados a Policía Local, Policía Nacional e os efectivos de Protección Civil da cidade.
Tras rematar coas tarefas de extinción e de ventilación os Bombeiros indicaron que o lume se iniciara nun piso moi pequeno e antigo, situado na planta baixa do inmoble.
A persoa ferida foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia.