Imaxe escoitar Escoitar
venres, 10 Xullo, 2020

Os tres ocupantes dunha furgoneta resultaron feridos onte despois de saírse da vía ao seu paso por Redondela.

Todo parece indicar que cando o vehículo circulaba pola N-550, á altura de Cedeira, quedou sen freos e o condutor perdeu o control, o que provocou que se saíra da vía. Os tres  ocupantes resultaron feridos, aínda que non parecían revestir gravidade. Afortunadamente, puideron saír polos seus propios medios do interior do vehículo.

Debido ao impacto e tras saírse da calzada, o vehículo chocou contra o muro dunha casa causando danos materiais na propiedade e nun poste.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 21:00 horas deste xoves, a través de varias persoas particulares que chamaron para pedir axuda.

A partir de aí, os xestores do 112 ademais de alertar ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil de Redondela. Tamén, solicitaron a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargaron da limpeza da vía.

Atropela a un peón e continúa a marcha
Por outra banda, dez minutos antes, os profesionais sanitarios informaban ao 112 Galicia dunha persoa ferida de consideración tras ser atropelada por un turismo en Outes, na estrada que vai a Muros, á altura do cruce de Ro. Ao seu relato engadían ademais que o coche, tras atropelar ao peón, continuara a marcha.

Decontado, desde o 112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Boiro, e aos efectivos do GES de Muros e de Protección Civil da localidade.

O ferido foi evacuado polo persoal sanitario.

facebook twitter instagram