Escuchar
venres, 13 Abril, 2018

Tres membros dunha familia necesitaron asistencia médica debido a unha fuga de gas detectada no interior dunha vivenda en Sanxenxo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso produciuse preto das dez da noite pasada nun apartamento situado en Nanín, na parroquia sanxenxina de Bordóns.

As tres persoas sufriron desmaios, polo que se puxeron rapidamente en contacto co 112 Galicia para solicitar asistencia médica.

Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios comprobaron que as persoas afectadas presentaban síntomas dunha posible intoxicación por inhalación de gas, polo que foron evacuadas dúas ao Hospital Provincial de Pontevedra e unha ao Hospital de Montecelo.

Pola súa banda, os membros do GES de Sanxenxo trataron de indagar sobre a posible orixe da fuga, que localizaron ao poñer en funcionamento un quentador de auga. Deste xeito, o aparato quedou precintado ata que sexa revisado.

Como medida preventiva, outro membro da familia, quen se encargou de pedir axuda ao 112, pechou as chaves de paso do subministro de gas butano da vivenda en canto comezaron a sentir os primeiros síntomas.