Escoitar
xoves, 20 Febreiro, 2020

Tres persoas resultaron feridas despois de que o tren no que viaxaban descarrilase por mor dun desprendemento de terra e pedras á altura de Mañón. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os tres feridos foron trasladados ao Punto de Atención Continuada de Ortigueira e o resto dos pasaxeiros foron evacuados noutro tren mobilizado.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, no convoi viaxaban un total de nove persoas.

O accidente tivo lugar no punto quilométrico 67,500 da vía férrea, á altura da parroquia de Mogor.

Foi o persoal do centro de seguridade de Adif quen alertou ao 112 Galicia do ocorrido ás 20:45 horas.

Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Eume e de Viveiro, da Garda Civil, do GES de Ortigueira e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mañón.