Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 19 Agosto, 2018

Tres persoas resultaron feridas despois de colidir frontalmente dous turismos que circulaban pola Avenida da Coruña, na localidade de Ribeira.

Ademais, os Bombeiros que acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia indicaron que foi preciso o uso do material de excarceración para liberar a un dos ocupantes do interior dun dos vehículos. 

Dous dos feridos foron trasladados polo persoal sanitario e, o outro, foron os seus propios familiares os que se encargaron do traslado. 
 
Varios particulares, sobre as 23:15 horas da noite pasada, poñían en alerta ao persoal  do 112 Galicia. Informaban dun choque frontal cun dos turismos envorcado. 

Tras confirmarse que era preciso a excarceración, o 112 Galicia decontado pasou aviso ademais de ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ribeira e de Boiro. Tamén,  solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e de Protección Civil da localidade.  

Tres feridos na Coruña
Por outra banda, ao fío das 06:30 horas desta mañá, unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia dun choque entre un taxi e un turismo na Avenida de Alfonso Molina, na cidade da Coruña. Aseguraba que todos os ocupantes estaban fora dos vehículos. Neses intres, tamén o 112 recibía o aviso do 061 que alertaba de tres persoas feridas a causa dun choque en Alfonso Molina. 

Nada mais recibir a alerta, os xestores de emerxencias do CIAE deron conta dos feitos á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. 

Coche envorcado en Pontevedra
En Pontevedra, pasados uns minutos das 05:30 horas desta madrugada, un coche envorcaba na Rúa Médico Ballina, en Lérez quedando unha persoa atrapada no seu interior. Así o relataba un particular ao 112 Galicia cando chamou para pedir axuda. 

A partir de aí, os xestores do CIAE solicitaron decontado a intervención do persoal sanitario e dos Bombeiros de Pontevedra. Ademais, informaron da situación á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. 

Con todo, os Bombeiros, unha vez liberada a vítima do interior do vehículo, comunicaron que a persoa fora evacuada polos sanitarios pero non parecía revestir gravidade. 

 

facebook twitter instagram