Escoitar
luns, 20 Maio, 2019

Tres persoas resultaron feridas esta tarde despois de producirse unha colisión frontal entre dous turismos en Ames, concretamente á altura de Portanxil, na estrada que une Negreira e Bertamiráns.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha das persoas feridas na colisión tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos implicados no accidente.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 15:30 horas e, nada máis recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia requiriron a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, do GES de Brión e da Policía Local. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Santiago e de Boiro, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez no lugar do sinistro e liberada a vítima, os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ás tres persoas feridas a un centro hospitalario.

Colisión múltiple
Ademais en Ames tivo lugar outro accidente de tráfico, pasados uns minutos das 16:15 horas. Neste caso tratouse dunha colisión na que se viron implicados tres coches e unha persoa resultou ferida leve. Sucedeu na rúa de Ribeira, no lugar de Aldea Nova.

Foi unha persoa particular quen contactaba co 112 Galicia para alertar do sinistro.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, aos voluntarios de Protección  Civil de Ames e ao GES de Brión.

facebook twitter instagram