Escuchar
sábado, 16 Novembro, 2019

Tres persoas foron localizadas polos servizos de emerxencia despois de perderse mentres facían unha ruta polo concello lucense de Folgoso do Courel. Unha delas foi trasladada ata o centro hospitalario de referencia tras ser evacuada coa axuda dunha padiola ao encontrarse algo debilitada. As outras dúas puideron abandonar a zona polo seus propios medios xunto aos equipos de intervención.

Ás 16:30 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha moza que solicitaba axuda tras perderse xunto a outros dous acompañantes na ruta de Devesa da Rogueira. No seu relato, a alertante explicou que, tras iniciar o traxecto en dirección ás fontes, o grupo foi sorprendido pola cantidade de neve e acabaron desorientándose. Ademais, non eran capaces de seguir a traxectoria pois unha das persoas necesitaba asistencia sanitaria.

Con esta información, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitaron á chamante o envío das coordenadas e facilitaron esta información aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, ao GES de Quiroga e aos membros Protección Civil da localidade.

Tamén se sumaron ao operativo de busca o persoal do concello de Folgoso do Courel e veciños da localidade que, ao coñecer a zona, puideron prestar axuda aos equipos de emerxencia, xa que, segundo a información facilitada ao 112, a acumulación de neve dificultaba o acceso ata o punto onde se atopaba o grupo.

Finalmente, o rescate produciuse ao fío das 20:00 horas cando os efectivos que participaron na procura conseguiron chegar ata os sendeiristas e guialos con seguridade de volta ao municipio courelano.