Escoitar
venres, 11 Xuño, 2021

Un accidente múltiple, no que se viron implicados tres vehículos, na localidade pontevedresa de Poio, fixo necesario que tres persoas tivesen que ser trasladadas.

Segundo a primeira chamada recibida no 112 Galicia, o sinistro produciuse contra as dez e media da pasada noite. A esa hora, un particular contactou co servizo de emerxencias para informar dunha colisión por alcance entre tres vehículos na avenida dos Encoirados. Nesa mesma chamada sinalaba que na estrada había restos como se, minutos antes, se producira outro accidente. Pouco despois, outra persoa tamén chamaba ao 112 para indicar que, nese mesmo punto, houbera unha saída de vía e, a uns douscentos metros, outro accidente con varios coches implicados.

De xeito inmediato, dende o 112 Galicia deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Pontevedra, ao GES de Sanxenxo, á Policía Local e a Protección Civil de Poio.

Xa no punto, os servizos sanitarios confirmaron que tiveron que trasladar a tres persoas, mentres que outras dúas foron atendidas no mesmo lugar do sinistro. Ademais, os Bombeiros de Pontevedra apuntaron como posible causa do accidente unha saída de vía previa, pola que quedaron restos na calzada e que provocaron a posterior colisión por alcance de tres vehículos.

Finalmente, para manter e restablecer a seguridade da vía, os xestores do CIAE-112 tamén requiriron a intervención dos servizos de mantemento da estrada.

Un ciclista trasladado en Mos
Por outra banda, a pasada noite, un ciclista tivo que ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo logo de sufrir un caída en Mos, na estrada de Puxeiros.

O 112 Galicia recibiu o aviso a través dun particular, pouco antes das once da noite, que explicaba que un ciclista caera na cuneta e, segundo relatou o afectado, saíuse da estrada porque un vehículo lle pasara moi preto.

Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia comunicóuselle a información ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Porriño.

Ademais, informouse ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, que confirmou que, finalmente, a persoa foi trasladada e que o vehículo que puido provocar a caída do ciclista continuara a marcha.