Escoitar
mércores, 18 Novembro, 2020

Un incendio declarado na cheminea dunha churraría en Melide saldouse con tres persoas que tiveron que ser trasladadas ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume, unha frixideira calcinada e diversos danos orixinados nos dous andares do inmoble pola propagación de gases durante incendio. Ademais, un axente da Policía Local que traballaba no operativo foi atendido tamén por intoxicación de fume.

Os feitos sucederon na Rúa Cantón de San Roque, á altura do número 9, preto das 10:30 horas. Nese momento, varias persoas particulares alertaron do lume ao 112 Galicia e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Arzúa, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Protección Civil e aos axentes da Policía Local e da Garda Civil.

Evacúan dúas habitacións nun hotel da Coruña
Por outra banda, un incendio declarado nun hotel situado na Avenida de Pedro Barrié de la Maza, na Coruña, obrigou a evacuar dúas habitacións do establecemento , como medida de precaución e sen que ningunha persoa resultase ferida nin afectada.

Concretamente, ardeu un colchón no interior dunha habitación e o lume foi sufocado polos propios medios do hotel. Segundo lle indicaron ao 112 Galicia os bombeiros da cidade, os servizos de emerxencias confirmaron a extinción do incendio e realizaron labores de ventilación.

O incendio orixinouse preto das 11:45 horas e foi unha persoa particular a que alertou a Emerxencias 112 Galicia.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia informouse dos feitos a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros da Coruña, á Policía Local e a Protección Civil.