Escoitar
sábado, 17 Abril, 2021

Os tres feridos foron evacuados polos servizos sanitarios de urxencia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

Pasados dez minutos das cinco desta madrugada, un particular contactou co 112 Galicia para informar dun coche envorcado na A-6, ao redor do punto quilométrico 58, dirección Coruña, na localidade coruñesa de Cambre. Segundo o alertante, unha das persoas trataba de sacar a outra do interior do turismo pero non podía asegurar se os ocupantes estaban feridos e se eran necesarios os medios de excarceración.  

Así, decontado, os xestores do 112 ademais de poñer os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pasaron aviso aos Bombeiros de Arteixo, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

Finalmente, tras comprobar que os ocupantes do vehículo estaban todos fora, descartouse o uso do material de excarceración. Iso si, os profesionais sanitarios confirmaron o trasladado das tres persoas que resultaran feridas.

Arde un camión de lixo na Coruña
Tamén, sobre as 05:00 horas desta madrugada, persoal dunha empresa de servizos solicitaba axuda a 112 Galicia. Indicaba que ardía un camión de transporte de residuos orgánicos e inorgánicos, ao seu paso pola estrada que vai de Visma a Bens, antes do parque de Bens, na Coruña.

No seu relato aseguraba que parte da cabina do vehículo xa estaba queimada e que os mesmos traballadores da empresa á que pertence o camión estaban interrompido o tráfico, ao verse un carril desa estrada afectado polo incendio.  

Ata o lugar, desprazáronse de inmediato os Bombeiros da Coruña e a Policía Local. Tamén, os efectivos de Protección Civil da cidade foron informados dos feitos polo 112 Galicia.

Tras finalizar, os Bombeiros comunicaron que ardera a parte traseira do camión.