Imaxe escoitar Escoitar
sábado, 25 Setembro, 2021

Tres persoas resultaron feridas na noite de onte en Malpica de Bergantiños (A Coruña) tras producirse unha saída de vía na AC-418.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros de Carballo, foi necesario excarcerar a un dos ocupantes do vehículo que, unha vez liberado, puido ser evacuado polo equipo sanitario de urxencia ata o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

Foi unha persoa particular quen puxo os feitos en coñecemento do 112 a través dunha chamada de alerta preto das 23:00 horas. Así, ademais dos bombeiros e dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os xestores do 112 pasaron aviso aos membros do GES de Ponteceso, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos efectivos de Protección Civil da localidade e ao servizo de mantemento das estradas.

Saída de vía na Pobra do Caramiñal
Tamén na pasada noite, os equipos de emerxencia tiveron que intervir no concello coruñés da Pobra do Caramiñal para restablecer as condicións de seguridade na vía despois de producirse un accidente na DP-6703.

Nesta ocasión, un turismo saíuse da vía, colidiu contra outros dous vehículos que estaban estacionados e acabou chocando contra un poste de alumeado público. Segundo indicacións dos Bombeiros de Ribeira, un ferido foi trasladado ao Hospital do Barbanza polo equipo de urxencias sanitarias.

O 112 Galicia foi coñecedor do sinistro ao fío das 22:45 horas. Co fin de prestar atención médica ao condutor do turismo e efectuar a limpeza da vía, desde o 112 avisouse decontado aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ribeira, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, aos voluntarios de Protección Civil da Pobra do Caramiñal e á empresa subministradora de electricidade da zona.

facebook twitter instagram