Escoitar
mércores, 21 Abril, 2021

Tres persoas resultaron feridas esta tarde na AC-223, en Abegondo, ao saírse da vía outros tantos vehículos por mor dunha mancha na estrada de líquido hidráulico, presente nun tramo de dous quilómetros próximo ao punto quilométrico 4.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ao fío das 16:30 horas, a través de varias persoas particulares que alertaron nun primeiro momento da saída de vía dun coche con dúas mulleres feridas, unha delas posiblemente atrapada no interior do vehículo que, finalmente, foi liberada sen a necesidade de que os servizos de emerxencia fixesen uso do material de excarceración.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e tamén dos Bombeiros de Ordes, que se encargaron de limpar a mancha estendida na estrada, xunto cos axentes da Garda Civil e o persoal de mantemento da estrada.

Segundo confirmaron os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ordes, unha vez no lugar dos feitos, producíronse un total de tres saídas de vía, debido a este vertido,  nas que resultaron feridas o mesmo número de persoas.