Escoitar
martes, 30 Novembro, 2021

O sinistro produciuse na Rúa de Nelle, ás cinco menos cuarto da tarde, hora á que un particular informaba ao 112 Galicia dun accidente con varios vehículos implicados, un deles envorcado, neste punto da cidade herculina. Deseguido, máis particulares tamén poñían os feitos en coñecemento do 112 Galicia, sinalando ademais que eran tres os vehículos accidentados.

Con esta información, desde o CIAE-112 Galicia deuse aviso aos servizos sanitarios, aos Bombeiros da Coruña e á Policía Local.

Unha vez no punto, os bombeiros indicaron que non había persoas atrapadas nos vehículos e, posteriormente, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 confirmaba ao 112 Galicia que unha persoa resultara ferida e fora trasladada ao Hospital Quirón da Coruña.

Atropelo en Castro Caldelas
Así mesmo, esta tarde, o 112 Galicia tivo constancia dun atropelo na localidade ourensá de Castro Caldelas, minutos antes das cinco da tarde.

Foi un particular quen se poñía en contacto co 112 para solicitar asistencia sanitaria para unha persoa que acababa de ser atropelada na rúa Toural.

Axiña, os operadores do 112 Galicia informaron aos servizos sanitarios, ao GES de Castro Caldelas e a Protección Civil.

Finalmente, os membros do GES desprazados ata o lugar aseguraban que o ferido fora trasladado ao Complexo Hospitalario de Ourense.