Escoitar
venres, 1 Xullo, 2022

Unha persoa resultou ferida despois de impactar co seu vehículo contra un autobús en Vigo.

Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia, pasadas as tres desta tarde, para dar conta do accidente, ocorrido na estrada de Clara Campoamor, na parroquia de Valadares, á altura da rotonda. Na súa comunicación, indicaba que o condutor do turismo precisaría asistencia sanitaria e axuda para abandoar o vehículo.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia informouse aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Vigo e de Balaídos, así como aos axentes da Policía Local.

Finalmente, segundo se lle informou ao 112 Galicia, descartouse o uso de material de excarceración para sacar á persoa do interior do vehículo. Con todo, o persoal sanitario confirmou aos xestores de emerxencias o traslado do condutor ao centro hospitalario de referencia.

Saída de vía en Petín
Tamén, en Petín, dous menores foron evacuados ao centro hospitalario de referencia tras resultar feridos ao saírse da vía o coche no que viaxaban e chocar contra outro vehículo estacionado, no lugar de Freixido de Abaixo, en Petín. Segundo se lle informou ao 112 Galicia, os menores non parecían revestir gravidade. 

Os feitos sucederon ao fío das 16:15 horas desta tarde. Unha persoa particular informaba, a esa hora, do accidente. 

Axiña, o CIAE-112 Galicia pasou aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros e membros do GES de Valdeorras, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.