Escoitar
mércores, 28 Setembro, 2022

O traballador participaba no operativo activado no 112 Galicia ás 10:30 horas de hoxe por un camión cargado con animais vivos, que sufriu unha avaría nun tramo de monte entre Berredo e Brantega.

Tras un par de horas tratando de estabilizar o vehículo, o equipo desprazado desde o Parque Comarcal de Bombeiros do Deza pediu, mediante un aviso ao 112, atención médica para un compañeiro lesionado no transcurso deste operativo.

Efectivamente, os bombeiros estaban dando o apoio necesario ao condutor dun tráiler para o transporte de porcos vivos que, despois de sufrir unha avaría, envorcou debido ao movemento dos mesmos animais no interior do vehículo. Esta situación provocou que moitos dos exemplares morresen, outros escapasen polo monte e a maioría fosen trasladados a outro camión para chegar ao seu destino. Con respecto a aqueles que fuxiron, os Bombeiros do Deza confirman que puideron ser recuperados e retirados da contorna da vía co obxectivo de evitar novos accidentes.

Neste operativo colaboraron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil.