Imaxe escoitar Escoitar
luns, 18 Marzo, 2019

Un home necesitou asistencia sanitaria ao sufrir unha indisposición mentres conducía pola DP-7305, á altura do punto quilométrico 2, e chocar contra o garaxe dunha casa na parroquia  coruñesa de San Paio de Carreira, en Ribeira.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para informar dos feitos ao fío das 19:45 horas da tarde de onte. No seu relato, informaba que presenciou unha saída de vía onde un turismo chocou contra unha casa, e solicitaba asistencia para o condutor que aparentaba necesitar axuda.

De inmediato, os xestores do CIAE 112 puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Ribeira, da Garda Civil de Tráfico e tamén da Policía Local.

Tras confirmar que o ferido atopábase liberado e accesible e descartarse o uso do material de excarceración, os servizos sanitarios trasladaron ao home ao centro hospitalario de referencia.

Menor rescatado no Carballiño
Por outra banda, un menor foi rescatado despois de caer polo oco dun ascensor dun edificio en obras situado moi preto da estación de tren do Carballiño (Ourense).

O suceso ocorreu pasadas as 18:15 horas da tarde de onte. Foi a esa hora, cando os amigos do menor que, neses intres, se atopaban con el, deron a voz de alarma ao 112 Galicia. Decontado, o Centro de Emerxencias puxo en marcha un operativo no que participaron ademais do persoal sanitario, os Bombeiros do Carballiño, a Garda Civil, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil.

Debido á gravidade da situación o helicóptero medicalizado do 061-Urxencias Sanitarias, con base en Ourense tamén se desprazou ata o lugar dos feitos, aínda que unha vez rescatado, o menor puido ser trasladado nunha ambulancia polo persoal sanitario.

facebook twitter instagram