Escoitar
martes, 14 Setembro, 2021

Os bombeiros do Baixo Miño tiveron que liberar ao condutor dun vehículo logo de que sufrira unha colisión por alcance no Polígono da Granxa, no Porriño.

Foi un particular quen, contra a unha do mediodía, informaba deste sinistro ao 112 Galicia e na chamada indicaba que había unha persoa ferida.

Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, á Policía Local do Porriño, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Baixo Miño e a Protección Civil do municipio.

Finalmente, os bombeiros confirmaron que tiveran que cortar o asento no que se situaba o condutor para poder sacalo do coche. Ademais, os equipos de emerxencia desprazados ata o punto comunicáronlle ao 112 Galicia que o ferido fora trasladado ao Hospital de Fátima polos servizos sanitarios.

Atropelo en Sarria
Por outra banda, o 112 Galicia tamén tivo coñecemento, pasadas as dúas da tarde, dun atropelo na rúa Calvo Sotelo, en Sarria.

Tras recibir a chamada dun particular que informaba do sucedido, os xestores do 112 Galicia deron aviso aos servizos sanitarios, á Policía Local e aos Bombeiros de Sarria.

Ao remate das súas tarefas, os medios que acudiron ao punto afirmaron que a persoa que resultara ferida por mor do atropelo fora trasladada ao centro hospitalario de referencia.