Escuchar
martes, 24 Marzo, 2020

Os Bombeiros do Eume extinguiron esta madrugada un lume nunha vivenda no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez. O incendio orixinado nunha estufa provocou que o lume se propagara ao inmobiliario da casa. Por fortuna, ninguén resultou ferido.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa particular ao fío das 4:15 horas, que informaba dun lume na Avenida de Galicia, á altura do número 74. Segundo a información  facilitada aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), o lume concentrábase na sala da vivenda e todos os ocupantes atopábanse fóra no momento do incidente.

Con estes datos, ademais dos bombeiros, desde o 112 Galicia foron informados tamén os axentes da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os equipos de extinción confirmaron que ardera un deshumidificador e que o fume afectara a parte das escaleiras comúns do edificio. Deste xeito, os servizos de emerxencias procederon a atallar as lapas e ventilar o inmoble.