Imaxe escoitar Escoitar
luns, 21 Xuño, 2021

A rotura dunha tubaxe nun depósito de gas obrigou a desaloxar varios inmobles da Praza do Seixo, no concello de Tomiño.

Pasadas as tres e media da tarde, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar de que vían unha fuga nunha tubaxe dun depósito de gas e que, ademais, desprendía un forte olor.

Nese intre, os xestores do 112 informaron aos Bombeiros do Porriño, ao GES da Guarda, á Garda Civil, aos membros de Protección Civil e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, por se fose precisa a súa intervención.

Xa no lugar, os axentes da Policía Local do municipio indicáronlle ao 112 Galicia que se trataba dunha fuga de gas dun depósito e confirmaron que non había ninguén afectado. Con todo, procederon a desaloxar os edificios da zona para evitar calquera risco.

Ademais, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxéronse os feitos en coñecemento da empresa distribuidora do gas, que enviou un técnico ata o punto para comprobar a situación.

Ás 19:00 horas, os axentes da Policía Local informáronlle ao 112 de que xa non había fuga de gas nin risco para as edificacións e de que a xente xa podía regresar aos seus fogares. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

facebook twitter instagram