Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 16 Febreiro, 2020

O 112 Galicia rexistrou nas últimas horas catro accidentes de tráfico que deixan un resultado tráxico en canto ao número de vítimas: unha persoa falecida, unha ferida grave e outras catro de diversa consideración en distintos puntos de rede viaria galega.

O máis grave produciuse pouco antes das oito da tarde de onte no Castro de Cumeiro, en Vila de Cruces. Dous vehículos, un todoterreno con carro e unha furgoneta, colidiron cando circulaban pola PO-905. Como consecuencia do impacto, unha persoa faleceu e outra foi evacuada ao centro hospitalario de referencia en estado grave. Ambas as dúas viaxaban na furgoneta, mentres que os ocupantes do todoterreno implicado resultaron ilesas.

Ademais, a colisión entre os dous vehículos provocou que as vítimas quedaran atrapadas no interior da furgoneta, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Deza. Os efectivos de salvamento comezaron os traballos de excarceración pola persoa que viaxaba como copiloto, pois o condutor xa estaba falecido e nada podían facer para salvalo.

Cómpre indicar que este operativo activouse despois de recibir o 112 Galicia a chamada dunha persoa particular que daba conta dunha colisión entre dous turismos con posibles atrapados. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasou aviso aos Bombeiros do Deza e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia. Tamén foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e o equipo de limpeza da Axencia Galega de Infraestruturas.

Un vehículo salta unha rotonda en Curtis
Por outro lado, esta madrugada, un vehículo pasou por encima dunha rotonda en Texeiro. A situación na que quedou o vehículo, completamente envorcado, provocou que o ocupante quedase atrapado e necesitase da axuda dos servizos de emerxencias para poder saír. Así, tras recibir o 112 Galicia a chamada de alerta, activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de Betanzos e os membros do GES de Curtis, que se encargaron de liberar ao condutor para permitir que os profesionais sanitarios lle prestasen a atención necesaria.

Ademais, intervieron os axentes da Garda Civil de Tráfico, que informaron dos danos provocados polo accidente no mobiliario urbano, polo que o 112 Galicia pediu a colaboración dos equipos de limpeza de Fomento.

Colisión frontal en Arteixo
Horas antes, preto das dez da noite, en Arteixo, tamén tiveron actuaron os bombeiros da vila para liberar a dúas persoas atrapadas en senllos turismos que colidiron de fronte na rotonda de Sabón.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada dun particular que pediu axuda para os ocupantes dos vehículos implicados. Así, pasouse aviso aos Bombeiros de Arteixo, axentes de Policía Local e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Un coche cae por un desnivel en Pol
Por último, un vehículo caeu por un desnivel en Pol. Concretamente, sucedeu preto das once da noite na N-640, en Torneiros. Ante a sospeita de que o ocupante estivese atrapado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Vilalba e dos voluntarios de Protección Civil, que axudaron ao ferido a saír do coche sen a necesidade de empregar os equipos de excarceración. Con todo, a persoas necesitaba asistencia médica, polo que foi evacuada nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

  

  

facebook twitter instagram