Escoitar
martes, 30 Marzo, 2021

Dous homes tiveron que ser rescatados nunha das aeronaves de Salvamento despois de que a súa embarcación afundise fronte á Illa da Insua, no concello de Viveiro.

A poucos minutos da unha da tarde, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que estaba a escoitar berros procedentes do mar, preto da praia lucense de Area. Nese momento, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deu aviso ao posto de Salvamento Marítimo de Fisterra, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Policía Nacional e Local de Viveiro, aos axentes da Garda Civil, aos membros de Protección Civil do municipio e aos profesionais do 061.

Intres máis tarde, Salvamento Marítimo confirmou que o helicóptero de rescate Pesca-II acababa de rescatar a un home da auga e que había outro que conseguira chegar ata as rochas. Con todo, ambas persoas, que se atopaban facendo pesca deportiva, foron evacuados ata o Hospital de Burela.

O barco doutro pescador encallou nas rochas en Ribeira

Un mariñeiro foi rescatado nas rochas, esta mañá, despois de que a súa embarcación quedase encallada entre a Illa de Sálvora e o lugar de Aguiño, no concello coruñés de Ribeira.

Pouco despois das 09:00 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso do suceso mediante a Sala de Gardacostas de Galicia. Inmediatamente, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron ao Servizo de Salvamento Marítimo de Fisterra, á Policía Nacional e Local do municipio, aos membros do GAEM e Protección Civil de Ribeira e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

Minutos despois de ter coñecemento do feito, o posto de Salvamento Marítimo de Fisterra confirmoulle ao 112 Galicia que, pese a estar mobilizado o helicóptero de rescate Pesca-I, a súa intervención quedou anulada ao ser o pescador rescatado e evacuado nunha embarcación, ata o porto de Aguiño. Desde alí, foi trasladado ata o Hospital do Barbanza.