Escoitar
luns, 5 Decembro, 2022

Os Bombeiros de Monforte evacuaron ao ferido nunha padiola de rescate, xa que a ambulancia non podía achegarse a menos dun quilómetro do punto. Mancado nunha perna, foi trasladado ao Hospital de Monforte por Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Foron precisamente membros dos servizos sanitarios os que informaron ao 112 Galicia, pasadas as 21:30 horas da noite, de que un home se atopaba ferido nas vías do tren, a máis dun quilómetro de distancia da estación de Canaval, situada no municipio de Sober. Este precisaba asistencia sanitaria ao estar mancado nunha perna. Inmediatamente, o 112 solicitou a colaboración da Garda Civil e dos Bombeiros de Monforte. Ademais, informouse a ADIF e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sober.

O primeiro que se comprobou foi o estado das vías: pronto confirmouse que non había ningún perigo para o proceso de rescate, pois a electricidade permanecía cortada por obras nese tramo.

Así, os Bombeiros procederon a completar a evacuación mediante unha padiola, portando ao implicado ao longo dun quilómetro ata a ambulancia, que o trasladaría ao Hospital de Monforte.