Escoitar
martes, 3 Agosto, 2021

Un home foi axudado polos bombeiros despois de caer por un desnivel de catro metros nas proximidades da Praia da Penencia, localizada no concello coruñés de Ferrol.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a caída produciuse preto das cinco horas da tarde cando o ferido camiñaba por un tramo de terra en dirección a un dos areais da zona. Quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia foi un compañeiro do varón que se atopaba no lugar no momento do incidente.

No seu relato, indicaba que o amigo caeu dunha altura duns catro metros e que se queixaba de dor nunha das pernas.

As dificultades para acceder ao ferido obrigaron aos Bombeiros de Ferrol a intervir para sacalo da pendente onde se atopaba tras a caída. Unha vez rescatado, o home puido ser trasladado ao hospital polos profesionais sanitarios a bordo dunha ambulancia.

Cómpre sinalar que desde o 112 Galicia avisouse tamén aos axentes da Policía Nacional e Local e aos membros de Protección Civil de Ferrol.

Rescate en Brión
Por outra banda, os servizos de emerxencias rescataron este mediodía a unha muller que sufriu unha caída cando se atopaba nunha zona de monte no concello coruñés de Brión. De acordo coa información facilitada polos equipos de intervención ao 112 Galicia, tratábase dunha zona de difícil acceso, o que dificultaba a aproximación da ambulancia ata o lugar exacto.

Unha vez no punto, os membros do GES de Brión confirmaron que foi necesaria a colaboración entre os equipos de intervención para acceder á ferida e trasladala ata a zona onde lle esperaba o vehículo de urxencias sanitarias. Posteriormente, a muller foi evacuada ao centro hospitalario de referencia.

Ás 13:15 horas, os xestores do 112 recibiron a chamada de alerta dunha persoa particular que informaba da situación. Durante a comunicación, relataba que unha muller caera no monte e necesitaba axuda.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santa Comba, do GES de Brión e dos axentes da Policía Local.