Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 25 Xullo, 2021

Un home tivo que ser axudado polos equipos de emerxencia para lograr saír do interior do coche no que circulaba e co que sufriu un accidente, na localidade pontevedresa de Tomiño.

Varias testemuñas do feito chamaron ao 112 Galicia, ás 13:30 horas, para alertar da saída de vía. O sinistro localizábase na estrada que une Tomiño co lugar de Hospital e, segundo as indicacións dos chamadores, o vehículo precipitárase por un desnivel duns dous metros imposibilitando a saída do condutor.

Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse aos Bombeiros do Porriño, ao GES da Guarda, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local. Ademais, tamén se lles facilitaron os datos aos Bombeiros de Vigo e aos membros de Protección Civil de Tomiño.

Ao remate da intervención, os Bombeiros do Porriño confirmaron que axudaron a saír ao señor do coche, coa axuda dos axentes da Garda Civil de Tráfico, para ser atendido polo persoal santario.

Atropelo en Petín
Por outro lado, un peón foi trasladado logo de sufrir un atropelo na Praza do concello de Petín.

O aviso entrou no 112 Galicia, pasadas as doce e media da mañá, mediante a chamada de varias persoas que solicitaban asistencia médica para o home.

Desde o CIAE-112 informouse ao 061, aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras e a Protección Civil. Ao final, os membros do GES confirmaron que a persoa tivo que ser trasladada ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram