Escuchar
venres, 10 Xullo, 2020

Un home foi localizado sen vida debaixo dun tractor envorcado no municipio pontevedrés de Vilaboa. Este é o segundo accidente destas características rexistrado en Galicia esta semana. O primeiro tivo lugar o pasado martes en Santa Comba.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro mortal tivo lugar ás 20:15 horas no lugar de Sobreira. Alí acudiu un equipo médico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puideron facer por salvarlle a vida ao home.

Posto que a vítima quedara atrapada debaixo da estrutura da máquina agrícola, foi necesaria a intervención dos bombeiros para realizar os traballos de excarceración.

Así, nada máis ter constancia dos feitos tras recibir a chamada de alerta dunha persoa particular, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Pontevedra e do Morrazo, ademais dos servizos sanitarios.

Ata o lugar tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil e membros de Protección Civil da localidade.