Imaxe escoitar Escoitar
luns, 28 Setembro, 2020

Un home faleceu e un menor resultou ferido na tarde de onte ao sufrir unha saída de vía co vehículo que viaxaban ao circular pola OU-212, na estrada que une as localidades de Beade e Beariz, á altura de Beade.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir unha chamada dunha persoa particular ás 19:30 horas. Segundo a información facilitada pola testemuña do sinistro, o coche saíuse da vía e precipitouse por un terraplén, o que dificultaba o acceso aos ocupantes do vehículo.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Carballiño e dos membros do GES de Ribadavia.

Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron ao 112 que as persoas atopábanse liberadas, pero, desafortunadamente, debido á gravidade das lesións sufridas, unha delas perdeu a vida.

O outro ocupante, un menor, foi atendido polo equipo de urxencias sanitarias e evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos de Protección Civil da Mancomunidade do Ribeiro e do servizo de mantemento da estrada para garantir as condicións de seguridade na vía.

Condutor ferido en Alfoz
Ademais, pasados uns minutos das sete horas desta mañá, un condutor resultou ferido cando o seu vehículo sufriu unha saída de vía na LUP-0210, no concello lucense de Alfoz.

Foi a esa hora cando os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia da mobilización dunha ambulancia para prestar asistencia a un ferido na estrada de Carballido a San Acisclo. Con estes datos, os xestores de emerxencias comunicaban o accidente aos Bombeiros de Barreiros, aos membros do GES de Cervo e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Finalmente, os bombeiros confirmaron a Emerxencias 112 Galicia que non foi necesario facer uso do material de excarceración e que a vítima foi evacuada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram