Escoitar
martes, 30 Novembro, 2021

Un incendio, declarado esta madrugada, no interior dunha nave industrial do concello de Forcarei, calcinou parte da entrada da fábrica e produciu o colapso dos falsos teitos da edificación.

A poucos minutos das 02:30 horas, persoal responsable da fábrica chamou ao 112 Galicia para alertar de que saía fume pola parte traseira da nave, situada no Polígono Industrial de Vilapouca, parroquia de Ventoxo.

Así, unha vez recollida toda a información, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) trasladóuselle aos Bombeiros de Silleda, ao GES da Estrada e aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade pontevedresa. Ademais, tamén se lle comunicaron os datos aos axentes da Garda Civil e ao Grupo de Apoio Loxístico da Axega, por se fose precisa a súa intervención no lugar.

Logo de varias horas de traballo no punto, os medios de extinción confirmáronlle ao 112 que a totalidade da fábrica se vira afectada polo fume e a alta temperatura e que o lume chegara a alcanzar a zona da entrada da nave, xunto con diverso material e un vehículo aparcado no lugar. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.