Escoitar
mércores, 9 Xuño, 2021

Un incendio calcinou dúas naves que eran empregadas como almacéns esta tarde en Narón. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o lume declarouse nunha das naves e propagouse á outra, o que provocou que as dúas construcións ardesen por completo, xunto con todo o material que albergaban, sen que se rexistrasen danos persoais. Concretamente, as lapas queimaron varias motocicletas, motores, compresores e contedores de obra.

Os feitos sucederon no lugar de Nelle, na parroquia de Castro, uns minutos despois da unha. A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do incendio.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Narón, da Policía Local e Nacional e do Servizo Provincial de Incendios Forestais, que mobilizou ata o lugar do incendio unha motobomba para abastecer de auga aos servizos de emerxencias desprazados, co fin de conter o lume.

Ademais, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como medida de precaución.

O incendio, do que se descoñecen as causas, quedou extinguido ao fío das seis e está previsto que os servizos de emerxencia revisen as zonas afectadas nas próximas horas.