Imaxe escoitar Escoitar
luns, 23 Marzo, 2020

Un incendio derruíu un inmoble case na súa totalidade no concello lucense de Sober. Afortunadamente, ninguén resultou ferido.

Ao fío das 2:30 horas da madrugada de hoxe, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para alertar dos feitos. Segundo o relato das testemuñas do suceso, víase saír lume polo tellado dun establecemento comercial na parroquia de San Pedro de Canaval. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112, o local semellaba estar ocupado e o teito empezara a derruírse.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un dispositivo formado polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061,  dos Bombeiros de Monforte de Lemos, dos axentes da Garda Civil e polos efectivos de Protección Civil de Sober.

Ben  entrada a madrugada, os servizos de emerxencia daban por finalizadas as tarefas de extinción e confirmaban que ninguén resultou ferido.

Tras o arrefriamento da zona, os equipos de extinción relataron que o inmoble resultou calcinado case por completo e, por sorte, os edificios lindeiros non se viron afectados.

facebook twitter instagram