Escoitar
mércores, 23 Xaneiro, 2019

Un incendio alertou a pasada tarde aos servizos de emerxencia no concello pontevedrés do Rosal.

Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais e tampouco a nave se viu afectada polas lapas. Unicamente, arderon, nun baixo-cuberta anexo á fábrica, diversos refugallos da mesma e tres pequenos depósitos que almacenaban residuos de aceite no recinto da fábrica.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibía a chamada de alerta dun particular,  pasados uns minutos das 19:30 horas. Indicaba  que ardían plásticos no recinto dunha empresa de plásticos, situada na estrada que une Tui e A Guarda, á altura de Sogama.  A esa mesma hora, persoal dunha empresa moi próxima alertaba ao 112 Galicia do incendio.

A partir de aí, dende o 112 púxose en marcha un operativo no que participaron ademais dos Bombeiros de Porriño, os membros do GES da Guarda, Garda Civil e os efectivos de Protección Civil do Rosal. Tamén, foi alertado o 061-Urxencias Sanitarias por si nalgún momento fose precisa a súa intervención. Así mesmo, persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foron informados da situación polo 112 Galicia.

Unha vez apagadas as lapas, os servizos de emerxencia procederon a refrixerar a zona.

Incendio nun garaxe
Dous vehículos arderon por completo a causa dun incendio no interior dun garaxe comunitario no concello ourensán de Barbadás. Afortunadamente, ninguén resultou ferido.

Poucos minutos antes das 22:00 horas da noite de onte, o 112 Galicia tivo constancia do suceso mediante distintas chamadas que informaban da saída de fume dun garaxe da Rúa de Tomás Rodríguez Punxín, na Valenzá. Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Carballiño, ao GES de Pereiro de Aguiar, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil.

Unha vez sufocado o lume, os bombeiros confirmaron que ademais dos dous coches calcinados, tamén houbo importantes danos materiais no garaxe.