Escoitar
xoves, 23 Xuño, 2022

Un incendio orixinado nunha televisión provocou danos nun apartamento en Boiro.

Concretamente, as lapas afectaron ao salón e á cociña da vivenda, sen que se rexistrasen danos persoais. Ademais, o fume estendeuse polo resto do piso.

Os feitos sucederon uns minutos antes das 13:30 horas, nun edificio da Rúa Peralto. Nese momento, un veciño do inmoble alertou ao 112 Galicia de que sentira unha explosión nunha das vivendas, causada posiblemente, segundo informaron os servizos de emerxencia posteriormente, por un curtocircuíto no electrodoméstico.

Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, á Policía Local, ao Servizo Municipal de Protección Civil e ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose necesaria a súa intervención.