Escoitar
martes, 25 Xaneiro, 2022

Un incendio declarado nunha casa deshabitada nas proximidades da igrexa de Oseiro, en Arteixo, provocou diversos danos no inmoble.

Concretamente, o lume orixinouse no baixo da casa e afectou ao chan do primeiro andar, ao faiado e ao tellado, sen que ningunha precisase asistencia.

Cómpre sinalar que a casa incendiada linda con outra vivenda, que non se viu afectada.

O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio uns minutos despois da unha e media desta tarde, a través do Servizo Municipal de Protección Civil de Arteixo.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Arteixo, á Policía Local, á Garda Civil e, como medida preventiva, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por se algunha persoa necesitase asistencia médica.

O incendio quedou extinguido ás catro e media, segundo informaron ao 112 Galicia os Bombeiros de Arteixo.

Arde unha máquina para o corte de madeira en Burela
Por outra banda, unha máquina de grandes dimensións para o corte de madeira ardeu este mediodía nunha zona de monte do lugar de Vilar, en Burela, sen que se rexistrasen danos persoais e sen que chegase a propagarse o lume pola contorna.

Os Bombeiros de Barreiros alertaron do incendio ao 112 Galicia ao fío da unha menos dez.

Axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención do GES de Cervo, da Policía Local e dos axentes da Garda Civil.

Xa no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Barreiros traballaron arreo para sufocar o incendio, coa colaboración dos efectivos do GES de Cervo, que abasteceron de auga aos Bombeiros para a completa extinción do lume e para evitar que as lapas se propagasen polo monte.