Escuchar
xoves, 5 Decembro, 2019

Un casa unifamiliar composta de dous andares resultou bastante danada a causa dun incendio sen que, afortunadamente, se rexistraran danos persoais.

Segundo a información que facilitaron os Bombeiros do Morrazo ao 112 Galicia, ardeu unha planta da casa por completo, unha habitación doutra planta e un cadro da luz dun galpón anexo á vivenda.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do lume sobre as 00:00 horas desta noite. Un particular foi quen, a esa hora, chamou para pedir axuda. Indicaba que lle ardía a casa, no lugar de A Moureira, en Meira, no concello de Moaña e que pensaba que a súa orixe podía estar na cheminea. Aseguraba que non había ninguén afectado, que todos estaban fora da vivenda ao encherse de fume todas as estancias.

Así, o 112 Galicia pasou aviso á Garda Civil e aos Bombeiros do Morrazo que, decontado, se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito, informaron á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil e puxeron en alerta aos Bombeiros de Vigo, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento.

Finalmente, pasadas as 03:00 horas, os Bombeiros confirmaron ao 112 Galicia a total extinción do lume.