Imaxe escoitar Escoitar
domingo, 8 Agosto, 2021

Un incendio declarado ao mediodía de hoxe nun edificio da Rúa da Misericordia, no concello lucense de Viveiro, obrigou a intervir aos equipos de emerxencia sen que se rexistrasen danos persoais.

A central telefónica de atención ás emerxencias do 112 Galicia recibiu numerosas chamadas ao fío das 12:45 horas de hoxe para informar do suceso. As testemuñas do incidente contactaron co 112 para informar dun lume nun edificio habitado de sete plantas e solicitar medios de extinción que puidesen controlar a situación.

Decontado, desde o 112 pasouse aviso ao equipo de urxencias sanitarias, por se nalgún momento fose necesaria a atención a posibles feridos. Para atallar as lapas, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Viveiro. Ademais, os servizos de emerxencias contaron co respaldo e apoio dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil de Viveiro e do Vicedo.

De acordo coa información facilitada ao 112 Galicia pola Policía Local, os habitantes do edificio afectado foron evacuados e non houbo persoas feridas. De feito, puideron volver aos seus domicilios en canto os Bombeiros de Viveiro sufocaron o incendio e garantiron as condicións necesarias de seguridade.

Unha vez rematada a intervención, o equipo do Servizo de Prevención, Extinción de Incendio e Salvamento confirmou ao 112 que ardeu un panel de protección lateral da edificación. Sospéitase que a orixe do lume puido ter lugar nunha grella dunha casa unifamiliar lindeira.

Igualmente, foron informados os membros do GES de Cervo por se fose necesaria a súa colaboración.

facebook twitter instagram